Belén do Campo visitou Ponteceso para coñecer as melloras realizadas co apoio da Xunta

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, visitou o Concello para coñecer as melloras realizadas cun apoio da Xunta de case 34.000 euros a través da orde  infraestruturas de uso público da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que está  destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. Concretamente, con esta partida levou a cabo o acondicionamento de dous camiños municipais que contaron cun investimento total de máis de 48.000 euros.

Durante a visita a delegada destacou importancia das actuacións levadas a cabo nos camiños de Canasteves, na parroquia de Tella, e de O Picoto-Gondomil, na parroquia de Corme Aldea, cuxas obras veñen de rematar recentemente co obxectivo de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade destas infraestruturas viarias.

No caso do camiño de Canasteves, que presentaba un firme parcialmente de formigón e parcialmente de terra en estado intransitable, executáronse traballos integrais de acondicionamento. As actuacións incluíron o desmonte do talude e dun muro de mampostería existente, así como a escavación necesaria para o ensanche da plataforma. Ademais, procedeuse á execución dun novo muro de mampostería de pedra granítica.

No relativo ás pavimentacións, levouse a cabo a formación da explanada mediante material seleccionado, garantindo a adecuada configuración de pendentes e taludes. Posteriormente, realizouse o subministro e estendido de zahorra artificial. Finalmente, executouse un pavimento de formigón armado de 20 centímetros de espesor, apto para tráfico pesado.

Pola súa banda, no camiño de O Picoto, que se atopaba en terra e en malas condicións debido á súa pendente e á falta de mantemento das cunetas, realizáronse traballos previos de limpeza profunda de cunetas, tubos e tajeas, así como o perfilado de taludes e a formación de beiravías, incluíndo tamén labores de roza e limpeza superficial do terreo.

En canto á pavimentación, procedeuse igualmente á formación da explanada con material seleccionado, asegurando as condicións axeitadas de drenaxe e estabilidade. Completouse a actuación co subministro e compactado de zahorra artificial como base do firme e dos beiravías.

A delegada puxo en valor estas intervencións, sinalando que “estas obras permiten recuperar a funcionalidade de dous camiños fundamentais para a veciñanza, garantindo mellores condicións de tránsito e contribuíndo á seguridade viaria e ao desenvolvemento do rural”.

Finalmente, subliñou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas locais, especialmente no ámbito rural, co fin de favorecer a calidade de vida da cidadanía e a vertebración do territorio.

Related posts

Rescatados por surfeiros un pai e a súa filla logo de que a corrente os arrastrase na praia Area Maior de Malpica

Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro

Conclúe na Laracha a acción formativa de “Operacións de Caixa e reposición”, do Programa Integrado de Emprego