Benestar Social pon en marcha o programa «Lecer Saudable»

1 minutes read

A Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, a través do servizo de Acción Social, pon en marcha o programa  «Lecer Saudable» dirixido á mocidade de 12 a 30 anos, que ten como obxectivo o fomento de actividades relacionadas coa mellora dos hábitos saudables e o lecer construtivo. Este programa está cofinanciado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas. As actividades levaranse a cabo no mes de agosto, son gratuítas e terán prazas limitadas.

Nesta edición, a oferta comprende actividades de participación presencial, a maioría ao aire libre, e outras de modalidade «en liña». Ofertaranse actividades como «Surf experience», en que durante catro días as e os participantes se iniciarán no surf e no perfeccionamento da súa práctica; «Roteiro ambiental polo río Mandeo» cun percorrido guiado por plantacións en que se traballa na renovación do campo recuperando técnicas de agricultura tradicionais e ecolóxicas; «Roteiro de sendeirismo pola zona do estuario do río Anllóns (Ponteceso)» pasando polos castros da zona;  «Xornada  multiaventura de Rafting polo río Ulla» , e «Multideporte  experience» en que durante catro días se practicarán deportes náuticos e de praia como pádel surf  XXL, kaiak, voleibol praia… Todas estas actividades contemplan o transporte gratuíto ao lugar onde se desenvolverá a actividade.