Ambos equipos chegaban a este partido con moitas urxencias. Os asturianos buscaban unha vitoria que lles permitise seguir soñando coa permanencia, mentres que os carballeses pretendían poñer fin á súa mala serie de catro partidos sen gañar no seu feudo. Esa tensión deixouse notar desde o inicio en dous conxuntos nerviosos e moi imprecisos nos primeiros compases do partido. A punto estivo de adiantarse o Lealtad no minuto 4, tras un erro na entrega do balón do Bergan que aproveitou Nacho para ceder a Saza, pero o dianteiro non logrou superar o último defensor carballés.
O Lealtad non lograba sacar o balón do seu campo e, tras tres saques de esquina consecutivos, chegou o 1-0. No último deles, o balón caeu a Fito, que rematou e viu como o esférico se coaba na portería tras rebotar en Marcos e despistar a Junquera, resultado co que se chegaría ao descanso.
Tras a reanudación o Lealtade buscou o empate a base de centros laterais e saques de esquina, pero sen lograr inquietar realmente a portería do conxunto local defendida por Santi Canedo. Pola contra, sería no minuto 82 cando Diego cazou un balón longo dentro da área para bater de volea a Junquera e sentenciar prácticamente o partido. Este gol descompoñía ao conxunto visitante, conxuntura que aproveitaría Álex Pérez, tas fallar un penalti Fito, que no minuto 90 resolveu un man a man ante o meta asturiano para pechar o 3-0 definitivo.