Bergantiños FC | Líder sólido e compacto da Terceira División Grupo 1


Por se aínda quedaba algunha dúbida, o Bergantiños non chegaba líder da competición por casualidade ao partido aprazado dúas veces polo Covid e xogado este domingo contra o Somozas, segundo clasificado. Nin moito menos, o Bergantiños FC demostrou ante o seu rival máis directo, que é un líder sólido e compacto, candidato número un ao ascenso a final de tempada. O equipo carballés que dirixe José Luis Lemos librouse este domingo dun óso duro da competición como é o Somozas, que levaba moitas xornadas exercendo o mando no Terceira Grupo 1. Fíxoo por un contundente resultado de 2-0, goles de Marcos Remeseiro no minuto 43 e de Jorge Cano no minuto 88.

Logo desta vitoria o Bergantiños FC situouse firmemente onde quería, no máis alto da clasificación (37 puntos, unha soa derrota nos seus 16 partidos) con catro puntos máis que o segundo, o Somozas, e máis preto do seu obxectivo. O Bergantiños xogará de novo este mércores en As Eiroas ás 19:30 horas, partido aprazado contra As Pontes.