Bergantiños FC | Presentada a nova Escola TEC de Porteiros

Cedida.

O Bergantiños FC e as Escolas Luís Calvo Sanz presentaron a nova Escola de Porteiros TEC que se incorpora como actividade que se desenvolve no club, tanto da base como das Escolas Luís Calvo. A Escola Porteiros TEC con Carlos Aguier como coordinador e José Sambade como director, iniciará a súa actividade co curso escolar e pretende realizar un traballo especializado e individualizado cos porteiros e que terá como sede principal o Bergantiños FC.

“Dividiranse en grupos reducidos para que prime a calidade, non máis de seis participantes por monitor, e segundo categorías.” Indica José Sambade. “O obxectivo é o desenvolvemento técnico e mellora dos porteiros, sen esquecernos da diversión, pois a nosa pretensión é fidelizar e formar porteiros, por iso o traballo con eles será minucioso e case á carta” engade.

“Empezamos este novo proxecto no club e esperamos que sexa un vínculo que nos una por moitos anos e sexa exitoso para ambas as partes” explicou na presentación, Jesús Capelán, Responsable Base do club.

A Escola de Porteiros levarase a cabo dous días por semana, os luns e mércores, e en tres franxas horarias: de 17:30 a 18:30 para benjamines e alevíns, de 19:00 a 20:00 dirixido a etapa infantil e cadete, e por último de 20:30 a 21:30 para a categoría xuvenil e adultos. O equipo técnico estará formado por monitores con gran traxectoria profesional e formativa que colaborarán no desenvolvemento técnico dos porteiros, entre os cales estarán Roberto Valeiro ou David Yáñez que foi adestrador de porteiros do primeiro equipo do Bergantiños FC ata a pasada tempada. Ademais, contarán co traballo do gardameta, Santi Canedo, que completará o cadro técnico da nova Escola de Porteiros TEC.