Bergondo | Adxudicadas as obras de mellora da seguridade viaria en Vixoi


Os traballos, que comezarán nas próximas datas, están financiados conxuntamente pola Deputación da Coruña e polo Concello de Bergondo, contan cun orzamento superior aos 300 mil euros, permitirán construír unha senda peonil e ampliar a plataforma dos primeiros 800 metros desta estrada provincial, dende a intersección coa N-VI á altura de Cortiñán até o punto quilométrico 0,79, en Vixoi, onde a estrada se cruza con outra de titularidade municipal.

O proxecto inclúe a ampliación da estrada actual, de 4,5 metros de ancho e sen beiravías, para obter unha nova plataforma de 6,5 metros que permita maior marxe para o cruce de vehículos e, ao mesmo tempo, construír unha senda de 2 metros de ancho que permita unha circulación segura dos peóns da zona.

Ao mesmo tempo que se executan as obras o Concello asumirá a construción dunha rede de saneamento e renovará as redes de abastecemento e alumeado público que dan servizo ás vivendas desta zona.