O vindeiro venres 17 de setembro terá lugar un taller de confección de ramos de noiva no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello de Bergondo. Esta acción formativa celebrarase en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.
Ao longo das catro horas de duración, o programa incidirá no coñecemento das flores para cada tempada e na elección das mesmas para un ramo perdurable no tempo mediante técnicas axeitadas de secado. Para iso haberá unha parte práctica centrado na realización dun ramo de noiva. Ademais, analizaranse as novas tendencias neste tipo de produtos e como as redes sociais poden servir de inspiración na súa elaboración.
Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é ofrecer un taller eminentemente práctico no que se garanta a adquisición dunhas destrezas básicas na realización de composicións florais con produtos de xardinaría e floraría, producidos fundamentalmente nas explotacións agrarias galegas.