Bernardo Fernández e Noa Díaz pelexarán pola secretaría provincial do PSOE coruñés

1 minutes read

Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde do Concello de Pontedeume, presentou este martes toda a documentación necesaria para formalizar a súa precandidatura á secretaría xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña.

“Quedan 17 meses para as eleccións municipais e o principal obxectivo do meu proxecto é preparar e fortalecer o partido para lograr o apoio maioritario dos veciños da provincia, como xa pasou no 2019”, asegurou Fernández nunha rolda de prensa.

“Os socialistas demostramos nesta provincia que hai unha forma diferente de facer as cousas e de entender a política que obtivo o respaldo dos veciños, con numerosas alcaldías e a presidencia da Deputación”, engadiu.

“Veño dunha agrupación pequena, a primeira vez que me presentei á alcaldía de Pontedeume acadamos tres concelleiros e nas pasadas eleccións nove, cunha política na que a única meta é mellorar a vida dos veciños e veciñas”, aseverou.

Fernández garantiu “unha forma de facer as cousas preto da militancia, apostando por manter unha liña e seguir avanzando no cambio que tamén Galicia necesita, e estou convencido que chegará da man de Valentín González Formoso”.

Noa Díaz

A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia Noa Díaz presentarase tamén á secretaría provincial do PSOE da Coruña, segundo confirman fontes do partido. Noa Díaz, afín a Gonzalo Caballero, é Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, Noa Díaz foi concelleira de Educación no actual mandato en Santiago, pero renunciou ao ser elixida parlamentaria en 2020.

Noa Díaz, PSdeG.