Bernardo Fernández achegou o seu proxecto provincial a Brión, A Baña e Negreira

Cedida.

Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume, continúa co seu percorrido polas agrupacións para presentar o seu proxecto para a secretaría xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña.

Este martes estivo en Brión, A Baña e Negreira para explicarlles as súas prioridades se obtén a confianza dos militantes o próximo día 30, entre as que figura consolidar o Consello de alcaldesas e alcaldes, un espazo que amosou xa a súa utilidade no que marcar as liñas de actuación conxuntas para o provincia.

Ademais, quere darlle un novo impulso ás comarcas a través da creación de un Consello de coordinación das políticas municipais do PSdeG coruñés, que celebrará reunións de ámbito comarcal para coordinar o traballo conxunto dos municipios que as integran.

Fernández reforzará estas estruturas comarcais, potenciando o seu papel ata o máximo que permitan os estatutos. Considera que existe “unha gran demanda entre a militancia de desenvolver o potencial das comarcas, mellorando na súa coordinación e articulación entre os municipios que as integran”.

O PSdeG-PSOE deixou de funcionar en estruturas comarcais no 2008, cando naceron as estruturas provinciais, que é a forma de funcionamento do partido en toda España.

Os estatutos provinciais do partido non permiten a creación de estruturas executivas comarcais, pero Bernardo Fernández aposta por “explotar ao máximo a capacidade das comarcas, dentro dos estatutos do partido, para dar un novo impulso a unhas estruturas que son moi importantes na coordinación de políticas e na convivencia entre os municipios deses ámbitos”.