Berocasión chegou á súa 21ª edición despois dos excelentes resultados acadados en 2025, cando se formalizaron 114 operacións de venda, un 60 % máis que no ano anterior. O volume de facturación superou os dous millóns de euros, cun prezo medio duns 18.000 euros por vehículo.
Se estás pensando en comprar coche, tes toda a fin de semana para achegarte a Carballo e comparar. Berocasión arrancou con boas expectativas este venres e volve converter a zona do Rego da Balsa nun gran escaparate do motor, con 16 expositores e case 500 vehículos, reafirmando o peso dun sector clave para a economía de Carballo e de toda a comarca.
Durante estos días de feira, as persoas visitantes poderán coñecer unha ampla oferta de turismos, SUV e vehículos comerciais de diferentes gamas, prezos e características. Entre as propostas tamén haberá vehículos seminovos, de quilómetro cero, híbridos e eléctricos, todos eles revisados, con garantía e dispoñibles para entrega inmediata.
O presidente de Axober, Diego Iglesias, destacaba que esta nova edición «reafirma o compromiso co sector da automoción, un dos piares económicos da comarca, e consolida Berocasión como un importante dinamizador económico, apostando polo comercio de proximidade e reunindo nun mesmo espazo as empresas da zona para facilitar o contacto directo coa clientela».
Promo do evento.
Como novidade, Berocasión incorpora este ano dous sorteos destinados a incentivar as compras e a crear sinerxías entre a automoción e a hostalaría local.
Todas as persoas que adquiran un vehículo nalgún dos 16 expositores participantes entrarán no sorteo de 12 vales mensuais de combustible de 100 euros, cun valor total de 1.200 euros, que poderán ser utilizados na estación de servizo Shell As Labradas.
Ademais, as persoas que consuman nos establecementos hostaleiros adheridos recibirán papeletas para participar no sorteo dun vale de 100 euros para gastar na hostalaría local.
Os dous sorteos celebraranse este domingo 30 de agosto, ás 20.00 horas, coincidindo coa clausura da feira.
