O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, de crear «un novo chiringuito» para a xestión dos recursos naturais galegos, en alusión á sociedade mixta de xestión constituída o pasado 13 de novembro.
Así o manifestou o representante socialista, tal e como informou o PSdeG nun comunicado, tras asistir en Madrid ao xantar informativo protagonizado polo candidato do Partido Socialista de Euskadi (PSE), Eneko Andueza. Segundo indicou Besteiro, a creación deste novo ente «opaco» evidencia que o presidente galego «non sabe xestionar» a riqueza «evidente» da Galicia como territorio enerxético, e que «ademais ten que pensar tamén na protección do territorio».
Así mesmo, o socialista lamentou que esta entidade non soporta a comparación co Ente Vasco de Enerxía, que é un «modelo de empresa pública que defende ben os intereses do país». O tamén deputado no Congreso español advertiu que cando se fan comparacións entre os Gobernos vasco e galego evidencian que a Rueda fáltalle impulso e ambición na xestión da Xunta. Besteiro defendeu o papel do socialismo vasco para impulsar os avances despregados en Euskadi, e que son «un bo exemplo» do que o PSdeG quere na Galicia.