Besteiro acusa á Xunta de Rueda de ‘estar desaparecida’ tras 23 días coas costas galegas cheas de plásticos

1 minutes read

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, acusou a Rueda de chegar “tarde mal e arrastro” ante as verteduras de pellets que afectan a varios puntos do litoral galego. “Pasaron 23 días desde que as nosas costas están cheas de plástico e 23 días nos que Rueda ficou desaparecido”, sinalou durante unha visita a unha praia do concello de Muros afectada pola contaminación. Besteiro lamentou que “tivese que pasar case un mes para que a Xunta activase o seu plan de emerxencia para estas situacións” e incidiu en que “foron 23 días perdidos pola Xunta ante un feito de tal magnitude nos que se obrigou aos concellos a resolver o problema como poden e cos medios que poden”.

O tamén deputado por Lugo cargou contra “un Rueda que non entende a gravidade da situación” e alertou das consecuencias económicas e medioambientais que as verteduras terán nunhas rías que xa sofren unha perda importante da produción. Así, reclamoulle á Xunta de Galicia que asuma a “responsabilidade da limpeza máis inmediata e urxente” e no caso de non ser capaces, recordoulle a Rueda que ten á súa disposición empresa estatal TRAGSA para levar a cabo a limpeza de todos os areais afectados.