O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que os socialistas galegos acompañarán á xente do mar na manifestación convocada o próximo 21 de xaneiro en Santiago en defensa do mar e en protesta pola xestión da crise dos pélets. Así o dixo durante unha visita a Carnota, onde mantivo unha xuntanza coa Confraría de Pescadores de Lira. Gómez Besteiro criticou a xestión do goberno galego aludindo ao último bandazo coa xestión da marea plástica, logo de que a conselleira de Medio Ambiente anunciara, este sábado, unha Comisión para analizar a toxicidade dos pélets logo de semanas negando a súa toxicidade. Rematou facendo un chamamento á Xunta a colaborar co Estado nun momento de crise no que “a suma das administracións é extraordinariamente importante”. En Carnota estivo acompañado do alcalde da localidade, Juan Manuel Saborido, xunto coas alcaldesas e alcaldes de Camariñas -Sandra Ínsua-, Cee -Margot Lamela-, Dumbría -Raúl González-, e Vimianzo -Mónica Rodríguez-.
47