Besteiro avanza axudas para seis empresas galegas por valor de cinco millóns de euros

1 minutes read
  • José Ramón Gómez Besteiro apostará dende a Presidencia da Xunta de Galicia, sen discriminación, por empresas que creen emprego de calidade e proxectos industriais que fixen poboación.

O candidato do PSdeG a presidente da Xunta e tamén deputado no Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, volveu a adiantar unha medida que afectará a Galicia grazas ao Goberno central ao avanzar axudas por 5 millóns para seis proxectos empresariais galegos. Estas axudas permitirán crear 175 novos empregos e manter 924 postos de traballo.

Nun comunicado remitido aos medios, Besteiro sinala que esta resolución beneficiará ás empresas Kern Pharma (3 millóns), en Monforte de Lemos; Dimalnox SL (180.000 euros), en Culleredo; Metal Manufacturing Oviedo Voces SL (590.000 euros), en Bergondo; Top Balea Beach (230.000 euros), no Grove; Dmanan Hotel N’Lugo (585.000 euros) e Vanica Xestión (367.000 euros), ambas as en Lugo. Gómez Besteiro remarcou que estes seis proxectos empresariais «contribúen ao equilibrio territorial, reforzando os municipios e comarcas nas que se asentan como polos económicos e xeradores de emprego de calidade”.

O dirixente do PSOE galego puxo en valor estas medidas e lembrou que “este é o camiño que queremos para Galicia: o do crecemento».