Besteiro eliminará as peaxes das autoestradas autonómicas cando sexa presidente da Xunta

O candidato socialista á Presidencia da Xunta e presidente do Comisión de Transportes e Mobilidade do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse este sábado cos secretarios provinciais do PSdeG-PSOE para “planificar unha folla de ruta que vertebrar e mellore a mobilidade do noso país para os próximos catro anos”. Besteiro eliminará as peaxes das autoestradas autonómicas e completará as infraestruturas viarias que “nin Feijóo nin Rueda foron capaces de completar”.

Besteiro explicou que sobran exemplos en Galicia da incapacidade e mala xestión de Alfonso Rueda nas infraestruturas que son competencia da Xunta que “acumulan retrasos sobre retrasos” como a Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte e a Autovía da Costa da Morte, “vitais ambas para romper o illamento destas zonas e mellorar a seguridade nos desprazamentos”. A VAC da Costa Norte, que debería unir as localidades de Ferrol e San Cibrao (Cervo) polo litoral leva 22 anos de retraso.

A Autovía da Costa da Morte é outra infraestrutura que leva 30 anos pendente de rematar despois da inauguración do seu primeiro treito. Por riba o PP fixo de pago o treito entre A Coruña e Carballo. Unha peaxe que considera “discriminatoria para a veciñanza” e que se comprometeu a liberar cando sexa o presidente da Xunta. “A incapacidade manifesta do actual presidente Rueda é de tal magnitude que non foi quen sequera de acometer o tramo entre Baio e Berdoias de tan só 15 quilómetros”.

A liberación das peaxes nas estradas autonómicas foi unha reclamación unánime na que coincidiron os catro secretarios provinciais socialistas, con independencia de que a súa circunscripción se vexa afectada ou non, posto que é unha medida que cualificaron de “arbitraria e inxusta para a cidadanía que a padece”. Unha situación que os representantes socialistas se comprometeron a levantar de forma “inmediata” cando cheguen ao Goberno da Xunta.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha