O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento Galego, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes en Ferrol as candidaturas do partido na provincia da Coruña ao Congreso dos Deputados e ao Senado para o vindeiro 29 de novembro. O líder socialista explicou a elección da cidade departamental “como símbolo do xeito no que as políticas socialistas poden cambiar unha comarca”. No mesmo día, ademais, no que se bota a segunda das fragatas do programa F-.110, que o o Goberno de Pedro Sánchez desbloqueou e impulsou.
Besteiro defendeu que desde o 2018 Ferrol e Ferrolterra experimentaron unha transformación que as levou dun estado de pesimismo e un sentimento de falta de futuro a un momento de gran desenvolvemento. “Impulsáronse proxectos abandonados polo PP de Rajoy, co silencio cómplice de Feijoo e Rueda”, recordou en referencia, por exemplo, aos 8.000 millóns en investimentos no programa de construción das fragatas F-110 e na modernización das F-100, “que van supñer traballo para os próximos dez anos”.
“Es impulso decisivo veu cambiar unha comarca asolada polo paro e sen futuro”, insistiu, de modo que hoxe “a realidade é ben distinta”. “Nesta comarca e nesta provincia subiron en máis de 66.000 as afiliacións á seguridade social, a reindustrialización avanza e observa un futuro moito mellor”, salientou. Díxoo nunha comarca onde o número de desempregados, nos últimos oito anos, pasou de 13.000 a 5.000 menos.
Nese senso, advertiu da ameaza que pesa sobre a participación empresarial do Estado, tras as intencións anunciadas da dereita de deixalas exclusivamente en mans privadas. “Esa ameaza pesa tamén sobre Navantia”, alertou, e recordou que os estaleiros da ría ferrolá dan emprego a máis de 12.000 persoas, entre directo e indirecto. Ao contrario do que propón o PP, prometeu que os socialistas reforzarán a aposta “por unha Navantia máis forte e que mellore os seus resultados, para chegar, por exemplo, a dispor dun dique cuberto”. “Esa é a nosa aposta por esta cidade e esta comarca, que deben ser o centro fundamental de Navantia”, afirmou.
“O que imos decidir o próximo 29 de novembro é se ese modelo de desenvolvemento económico e social e de fortalecemento dos nosos dereitos segue avanzando fronte á dereita e á ultradereita que xa anuncian recortes e traxedia”, remarcou. Nese punto, mencionou cuestións “que tanto custou construír e fortalecer”, coma o dereito ao aborto, á morte digna, a pensións dignas.
Por iso, comprometeuse a “fortalecer os dereitos que favorecen á inmensa maioría da cidadanía” durante os vindeiros catro anos. “Esa é a nosa aposta: fronte aos recortes e fronte á dereita, máis dereitos”, concluíu.
Poñer ao raposo a coidar das galiñas
A preguntas dos medios, Besteiro referiuse á crise de goberno na Xunta. Lamentou que se vaia facer cargo de Política Social unha conselleira “representante do negacionismo climático”, cuns antecedentes en canto “a sensibilidade” que anticipan que “a cousa non vai ir a mellor”. Máis aínda tendo en conta que a conselleira saínte “deixa uns retrasos en dependencia extraordinarios e un fracaso na política social”.
En canto ao novo conselleiro de Medio Ambiente, asegurou que o seu nomeamento é “coma poñer ao raposo a coidar das galiñas”, ao tratarse dun representante “da política industrial de mirar para outro lado en cuestións coma Altri”. “Non ispira moita confianza”, subliñou.
Candidatura ao Congreso
Besteiro compareceu en Ferrol na compaña das candidatas e os candidatos que concorren ás eleccións xerais. A lista ao Congreso dos Deputados está encabezada por Obdulia Taboadela Álvarez. Acompáñana, por orde, Julián Reina Villalón, Ana Alvite García, Jorge Romero Pérez, Belinda Insua Fuentes, Jesús Fernández Díez, Tamara García Muñiz e Andrés Teijo Hermida. Como suplentes figuran Inés Ramos López, Jorge Domínguez Castro, Guadalupe Rodríguez Silva, José Manuel Pérez Abelenda, Mercedes Prieto Lamas, Antón Manuel Cilleiro López, Laura Sánchez Couceiro, Jesús Manuel Iglesias Vilariño, Sandra Maneiro Pais e Diego García Legarra.
Senado
Os candidatos socialistas ao Senado son Gumersindo Guinarte Cabada e Alejandro Antonio García Sousa, con María Montserrat García Chavarría, Antonio Agustín Regueiro Rodríguez, Gema Fernández Cuíña e Carlos Pernas Fraguela como suplentes.
