Betanzos iniciará o vindeiro xoves día 10 unha nova acción de impulso ao tecido comercial, empresarial e hostaleiro, denominada “Merca tan cerca” e na que finalmente participarán 125 profesionais. Dentro do programa de apoio a estes sectores, especialmente afectados pola Covid 19, o Concello pon en marcha esta campaña de apoio directo para impulsar que “os betanceiros e betanceiras compremos e gastemos en Betanzos, poñendo en valor o noso”, explicou a alcaldesa, María Barral. Os establecementos participantes terán un distintivo da campaña para que os consumidores saiban onde poden conseguir tanto os boletos para participar no sorteo das tarxetas como logo onde gastar o diñeiro desas tarxetas moedeiro que poderán utilizar nunha soa compra ou en cantas desexen ata consumir o premio que conteñan. A relación de participantes tamén estará na web municipal e nas redes sociais do Concello.