Betanzos | A Aula de Cultura Xulio Cuns retoma a programación con “Botando a lingua a pastar”

Logo de varios meses coa programación en espazos abertos, o Concello de Betanzos retoma a programación da Aula de Cultura Xulio Cuns que abre este sábado 19 de setembro cun monólogo de Cándido Pazó.

“Botando a lingua a pastar” achegará os contos para público adulto este sábado ás 20:00 h da man de Cándido Pazó, autor, director de escena, narrador oral e actor galego que trae a Betanzos os contos tirados da tradición oral, motivos adaptados da literatura ou historias de creación propia.

Este espectáculo que chega da man do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 a través da Rede de dinamización lingüística da Xunta de Galicia e do Servizo de Normalización lingúística do Concello de Betanzos, ten como fío condutor principal a lingua galega (as súas curiosidades, o uso, a súa normalización e as perspectivas) desde un punto de vista filolóxico divulgativo, cultural, humano ou emocional, mais sempre co humor e a empatía oral como mecanismo de conexión co público.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala, que na actualidade son 88 butacas, e realizarase por orde de chegada. O acceso á sala será con todas as medidas e recomendacións de seguridade previstas na situación actual.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha