Betanzos acolleu a presentación de “Xacobeo Benvida”


Co dobre obxectivo de darlle a benvida aos peregrinos así como animar e sensibilizar ás poboacións de vilas e cidades galegas das rutas xacobeas da súa pertenza aos Camiños de Santiago, Turismo de Galicia ven de por en marcha o proxecto Xacobeo Benvida, no marco da programación da celebración do Xacobeo 21-22.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro participou no acto de presentación desta iniciativa en Betanzos, onde acompañada da alcaldesa local, María Barral, do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e de representantes do tecido asociativo relacionado co Camiño Inglés, percorreron o tramo da rúa de Praterías no que se penduraron as grilandas decorativas.

Xacobeo Benvida é un proxecto no que se engalan diferentes tramos dos Camiños de Santiago ao seu paso por 37 cascos históricos das catro provincias. En total, algo máis de 200 bandeirolas decoradas con motivos xacobeos cos que se quere implicar á veciñanza na celebración deste Ano Santo excepcional.

Esta decoración, coa que se busca facer máis visible a celebración do Ano Santo e do Xacobeo en todo o territorio galego, permanecerá pendurada ata o 30 de outubro, lembrando o vencello destes concellos coas Rutas Xacobeas.