Betanzos | Adxudicada a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo

1 minutes read

O Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, é un xardín eclético creado por Juan Naveira no que se mestura vexetación, arquitectura, escultura, pintura, enxeñería hidráulica, fontes e estanques, cunha vocación de parque temático e didáctico que responde á tradición filantrópica dos indianos que regresaron de América a finais do século XIX.

A Xunta vén de adxudicar por un importe próximo aos 85.000 euros a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo de Betanzos. Así o anunciaron a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e o delegado territorial na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha visita a Betanzos na que explicaron que este novo documento sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural (BIC).
Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que a contratación desta redacción enmárcase no firme apoio da Xunta de Galicia co Parque do Pasatempo e coa vila de Betanzos. Un apoio que, tal e como lembrou, “quedou demostrado co traballo feito por parte da Administración autonómica para favorecer e facilitar a declaración BIC deste espazo”, declaración aprobada polo Goberno galego en 2020, e que volve a reflectirse con esta adxudicación.