Betanzos apostará en Fitur pola captación de turismo gastronómico a través da tortilla

1 minutes read

Betanzos participará en xaneiro de 2020 na feira de turismo máis importante de todas as que hai en España e entre as primeiras a nivel mundial como é Fitur. Farao cunha caseta propia e será, a día de hoxe, o único concello de Galicia que contará con presenza nesta feira. Así o adiantou a alcaldesa, María Barral, que explicou que o goberno local traballa nunha serie de accións promocionais da cidade, centradas na historia, a cultura e, este ano, de forma especial, na gastronomía.

Captar o turismo gastronómico será o obxectivo deste ano en Fitur, coa promoción do prato estrela da cociña betanceira: a tortilla. As campañas realizadas durante estes últimos anos a través de diferentes medios, o pulo que se lle deu á tortilla coas semanas dedicadas a este produto; a colaboración por parte dos hostaleiros e hostaleiras “fixo que nestes momentos a marca da tortilla de Betanzos estea no seu momento máis álxido e iso temos que aproveitalo, dando un paso máis na súa promoción”, explicou a alcaldesa.