Betanzos busca un acordo de cesión da N-VI e a N-651

1 minutes read

O Concello de Betanzos e a Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia mantiveron unha primeira xornada de traballo para ultimar aspectos da posible cesión por parte do agora Ministerio de Transportes, Movilidad e Agenda Urbana ao propio Concello da antiga N-VI e da zona urbana da  N-651. A reunión celebrouse na subdelegación do Goberno coa alcaldesa, María Barral; a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo; e o xefe da demarcación, Ángel González do Río, e serviu para fixar os tramos de cesión e os trámites que son necesarios para realizalas. O obxectivo que persegue o  Concello de Betanzos é dobre. Por unha banda, dispoñer de autonomía sobre unha vía que a día de hoxe é netamente urbana e que por tanto poida xestionala como tal; e por outro, levar a cabo unha serie de actuacións que permitan humanizala, algo que agora, por normativa do Estado, non se pode executar.