Betanzos celebra ata o día 12 a X edición da Semana do Pincho

A alcaldesa María Barral xunto aos hostaleiros participantes na semana do pincho de Betanzos.

Potenciar a gastronomía, a hostalaría e dinamizar outros sectores da cidade. Con ese obxectivo o Concello, en colaboración con hostaleiros e hostaleiras de Betanzos, celebra ata o día 12 de decembro a X edición da Semana do Pincho na que participan 18 establecementos. A través do certame os hostaleiros e hostaleiras optarán ao premio ao mellor petiscos e a un premio “popular” que sairá dos votos emitidos polas persoas que os degusten. Os prezos dos petiscos irán desde 1 a 4 euros.

Participarán: Cafetería Plaza, Casa do Queixo, A Vaca Tola, Yocri, Café Lanzós, El Histórico; Adega Lastras, Cafe Bar Jenny O Bacel, Bar Paxeiro, Adega O Pino, Restaurante Cho, Jamonería El Ibérico, Restaurante Casanova, Bar Galicia, O Noso Lar, Vinoteca Versalles, La Travesía e La Goleta.

As persoas que participen na votación para outorgar o premios popular deberán cubrir o boleto, debidamente cuberto e selado en 5 dos 8 establecementos, para entrar así no sorteo de tres experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos Restaurantes da Biosfera. Por outra parte, haberá dous xurados. O primeiro deles percorrerá a próxima semana os distintos establecementos para logo escoller aos cinco petiscos finalistas. Profesionais do sector e representantes de diversas empresas colaboradoras escollerán deses cinco ao gañador deste ano.