O Concello estudará caso por caso a situación das terrazas de cada local de hostalería para autorizar a ampliación da superficie e poder minimizar o impacto que supoñerá a Orde Ministerial de redución nun 50% do número de mesas a partir do próximo día 11 de maio.
O obxectivo é flexibilizar ao máximo esta medida e “axudar aos hostaleiros” a que poidan aumentar a superficie de maneira “temporal e extrarodinaria” para que perdan o menor número de mesas posibles, tendo en conta da redución de aforo que tamén terán os locais no seu interior.
A ampliación de superficie irá ligada á posibilidade de aumentar na mesma proporción o paso peonil, por iso é polo que “se estudará caso por caso, xa que a Orde tamén é clara non só a marxe a distancias entre mesas e o aforo, senón tamén en respectar ao máximo o dereito dos peóns”. O goberno local explicou que nun momento como “o que nos atopamos hai que ser solidarios e facilitar, na medida do posible, a actividade económica, máis dun sector tan importante para Betanzos como o hostaleiro”.
Os servizos de Urbanismo serán os que autoricen a ampliación dun 25% da superficie que actualmente ten cada establecemento. Con todo, as características da zona, a súa localización, e que a ampliación non afecte, en ningún caso, ao paso peonil, mantendo as distancias de seguridade esixidas nas normativas estatais, “marcarán se se pode ou non autorizar a ampliación”.
Xunto a esta medida, e outras axudas directas que o Concello prepara para a hostalería, o comercio e as pequenas empresas, máis a redución de impostos, o goberno local anunciou tamén a supresión do pago por terrazas á hostalería, dentro do programa de accións de axuda á economía local.