Betanzos facilitará internet aos alumnos/as de familias con menores recursos

Fibra óptica_ PIXABAY

O Concello facilitará acceso a internet aos alumnos de Primaria, Secundaria e Bacharel de Betanzos que non teñen conexión a internet nas súas vivendas, para seguir a aprendizaxe a distancia durante o confinamento polo Covid-19.

Así o anunciou a alcaldesa de Betanzos, María Barral,  quen explicou que o Concello vai adquirir routers de conexión de 4G e con suficiente capacidade de datos para “contribuír á mellora da comunicación, sobre todo nos sectores máis desfavorecidos e con menos accesibilidade a Internet”.

Aínda que non é unha competencia municipal, a alcaldesa explicou que “o Concello non pode permitir que alumnos e alumnas de Betanzos non poidan seguir a aprendizaxe normal do curso escolar por carecer de conexión a internet. Trátase de familias con menos recursos que non poden afrontar o pago dunha conexión a internet, nas que os seus fillos e fillas, por tanto, alumnos de centros educativos de Betanzos, non poden seguir o desenvolvemento normal do curso escolar”.

A primeira edil indicou que esa é a razón pola que “aínda non sendo competencia do concello, non podemos quedarnos parados e por iso buscamos solucións”. Tras falar con todos os centros públicos e concertados de Betanzos, desde estes colexios e institutos informouse ao Concello dos alumnos e alumnas que “por estas circunstancias non podían seguir con normalidade o curso”, máis cando se prevé que a volta aos colexios non será a curto prazo e que os estudos desta terceira avaliación serán en liña.

A partir de aí, o Concello púxose en contacto con diferentes operadores que puidesen prestar o servizo canto antes. “Sabemos que o Goberno coas comunidades autónomas van dotar dalgún dispositivo, para estes casos a partir de Secundaria,  pero non está determinado nin o número nin cando”.

Isto fixo que coas características que o Concello buscaba, pechouse un acordo cun operativo de telefonía local betanceiro ao que o Concello comprará os equipos e pagará mensualmente as conexións a internet destes alumnos e alumnas para facilitarlles os seus estudos. “Farémolo, en principio durante tres meses.

Se é necesario ampliar o tempo, ampliarémolo”, indicou a primeira edil. En principio son unha trintena de escolares que non tiñan internet para poder seguir os seus estudos. “Os equipos entregaranse a próxima semana aos alumnos para que se poñan ao día canto antes”. En principio, tamén se lles cederán equipos informáticos por parte doutros entes, co que “terán todo para poder seguir estudando”.

O obxectivo é reforzar o plan de docencia online, que os estudantes non perdan coñecementos  e que esta situación non acabe sendo un lastre para o seu futuro.