Betanzos impulsa proxectos con 1,3 millóns de euros

1 minutes read

O goberno local presentará en pleno extraordinario unha modificación de partidas orzamentarias para poder utilizar 1,8 millóns de euros do remanente que dispón, que alcanza os 2,7 millóns de euros pola xestión económica destes anos.

Estes 1,8 millóns destinaranse tanto a unha serie de investimentos que son necesarias acometer e para as que é necesaria unha achega municipal; para habilitar partidas, dado que eran insuficientes as previstas no orzamento 2021 e para abordar facturas que quedaron pendentes de 2020 que alcanzan os 210.696 euros e outras que se presentaron por parte de provedores durante 2021 pero que corresponden a gastos do anterior exercicio, especialmente de servizos e subministración eléctrica.

Dos 1,8 millóns de remanente, o goberno local destinará 1,3 millóns a proxectos dos que a alcaldesa, María Barral, destacou os 205.765 euros para completar o investimento na recuperación do Convento das Donas. Tamén se destinarán do remanente outros 351.665 euros para facer fronte a varias fases da subvención do IDAE, coa substitución de luminarias en todo o municipio dentro dun programa de aforro enerxético. Neste capítulo tamén se incorpora unha última actuación no centro histórico e na rúa Pintor Seijo Rubio, duns 35.000 euros, entre outros.

Na zona rural continuará o plan de mellora de camiños e viarios municipais para o que se destinan 112.000 euros e outros 25.000 para mellorar os sistemas de comunicación do Concello coa cidadanía a través de pantallas informativas.