Betanzos negocia a ampliación da fibra óptica a varios núcleos rurais

1 minutes read

O goberno local reclamoulle á Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Goberno central a declaración como “zona branca” de varios núcleos do municipio, entre eles, Piadela e Viladesuso. A alcaldesa, María Barral, que mantivo unha videoconferencia xunto co persoal técnico municipal con responsables da Secretaría de Estado, pediulle ao Goberno que inclúan esta “zona branca” co fin de que empresas do sector das telecomunicacións realicen os traballos necesarios para mellorar a cobertura de fibra óptica no municipio. A primeira edil explicou que se trata dunha petición municipal e veciñal e que a día de hoxe, especialmente, pola situación derivada da pandemia, “o municipio non pode seguir tendo zonas que non dispoñan de fibra óptica ou núcleos nos que a cobertura provoque innumerables problemas na rede de conexión”. Por iso, desde o Concello esiximos que o Goberno central mellore a rede en Betanzos e que “esas zonas dispoñan canto antes de boas conexións”.