Betanzos non contará este mes con caseta propia en Fitur

1 minutes read

Betanzos non contará con caseta propia en Fitur na edición deste 2021 que terá lugar durante o mes de maio, mais “si que estará presente na feira para manter reunións de traballo con representantes do sector turístico.

Neste sentido, o Concello, único representante galego que conta con caseta propia na feira de turismo máis importante de España e unha de principais a nivel mundial, negociou coa organización de Fitur cambiar o contrato que tiña para este ano 2021 (a feira tería que celebrarse en xaneiro) para 2022, garantíndose así o espazo na cita do próximo ano, segundo explicou o edil de Turismo, Pablo Beade.

O Concello argumentou que a cita de Fitur é “sumamente importante para o turismo de Betanzos porque nela programa todo o exercicio cando se celebra nas datas habituais, é dicir, en xaneiro. Que teña lugar en maio resta impacto porque os programas dos operadores de turismo, en moitos casos, xa están pechados. Ese foi o motivo polo que negociamos coa organización para que nos permitisen manter o noso espazo en 2022, aínda rexeitando o deste ano xa que en ocasións penalizan estas decisións e é difícil logo poder recuperar ou ter preferencia á hora de dispor de caseta en seguintes edicións”, indicou Beade.