Facer partícipe aos betanceiros e betanceiras das obras de recuperación do parque. Que vexan a evolución dos traballos e como se desenvolven”. Con ese obxectivo, explicou a alcaldesa, María Barral, o Concello organizará xornadas de portas abertas ao parque do Pasatempo para que se contemplen de preto a evolución dos traballos e o labor dos restauradores que nestes momentos céntranse no Estanque do Retiro.
A primeira fase deste programa de divulgación comezou por grupos de estudantes, de ensinos medios e de universidade. Nos últimos días xa visitaron o recinto varios destes grupos nos que os responsables da restauración explicaron tanto a situación de partida das obras como o obxectivo final que se persegue, dando detalles aos alumnos de como se realizan os traballos, o seu desenvolvemento, aspectos sobre as características dos materiais ou as dificultades que se atopan día tras día nun proxecto complexo como é o do parque.
A idea é que nas próximas semanas se organicen xornadas de portas abertas para que os veciños e veciñas de Betanzos poidan contemplar o cambio que está a experimentar a zona na que se executa a primeira fase do proxecto de recuperación do parque. Para iso, crearanse zonas transitables, de paso, delimitadas e con estritas medidas de seguridade, restrinxindo o acceso á vez a un determinado número de persoas.