Betanzos | Os cartos das festas irán en axudas aos comerciantes

1 minutes read

O Concello de Betanzos aprobou nun Pleno extraordinario, por unanimidade, a modificación orzamentaria para completar a primeira fase de partidas de axudas municipais a pequenas empresas e autónomos/as que se viron afectados/as na súa actividade diaria pola Covid-19.

O Concello destinará a estas axudas directas as partidas que tiña reservadas para a Feira Medieval e parte das das festas patronais de agosto. Así, dos 75.000 euros previstos para a Feira Medieval, o Concello destina 60 000 euros a estas novas axudas, que se complementan con outros 90.000 das festas. Desa partida restarían, aínda, uns 100.000 euros que se reservan por se é necesario ampliar a primeira fase de axudas a autónomos/as ou pequenas empresas e para abordar outros posibles gastos, que non estaban programados, dirixidos a outras actuacións de impulso do  tecido económico local.

Tras esta aprobación, o Concello realizará agora a convocatoria pública de axudas, en réxime de concesión directa. As bases serán publicadas nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia para que, a partir dese momento, os/as “autónomos e pequenas empresas poidan presentar xa a documentación requirida no Concello para ser revisada polo persoal técnico municipal”, segundo explicou o concelleiro de Facenda, Diego Fernández.