Betanzos recupera o programa de rutas turísticas polo Mandeo

O Concello de Betanzos recupera o programa de rutas turísticas a bordo da embarcación municipal Diana Cazadora. Trátase dunha actividade que tivo que paralizarse como consecuencia da pandemia durante os últimos anos, pero que está de novo en marcha.

Terá dous usos. Un dirixido ás asociacións de Betanzos que poderán reservala para as súas actividades e encontros os venres, sábados e domingos. O outro, para o público en xeral con desprazamentos polo río Mandeo os martes e os xoves, con horarios que dependerán das mareas. Iso si, non estará dispoñible os días da Feira Medieval, e do 14 ao 25 de agosto coincidindo coas festas patronais.

As persoas que estean interesadas deberán dirixirse á Oficina de Turismo para cubrir a inscrición e pagar a cota das actividades.  O prezo da viaxe é de 5 euros para persoas adultas e 1 euro para nenos/as de catro a doce anos e o pagamento deberá realizarse en efectivo. A capacidade máxima da viaxe será de 55 persoas. Para realizar a viaxe precísase un número mínimo de 10 persoas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha