Betanzos rende homenaxe á Feira Medieval

1 minutes read

Betanzos non quere pasar por alto a feira, suspendida polo Covid-19, “porque despois de 23 anos é algo moi noso. Declarada de interese turístico galego, a feira converteuse ao longo destes anos nun referente na nosa comunidade”, indica a alcaldesa, María Barral. “Durante os últimos anos recibimos a visita de representantes doutros  concellos non só de Galicia senón doutras rexións de España interesados na nosa Feira e o seu desenvolvemento. En ocasións, a  cotidianidad dun evento, de algo que celebras todos os anos e que se prolonga  no tempo, fai que quizá non lle deamos a verdadeira importancia ou singularidade que ten. Fai que nos deteñamos en detalles pero que non vexamos a feira medieval como o gran evento que é a nivel xeral e a repercusión que ten. Esa perspectiva dánola o feito do interese que causa ano tras ano entre os propios vendedores e entre os miles e miles de visitantes que ten. Por iso, temos que seguir mantendo e potenciando, de fronte ao futuro, algo que para nós é único”.

E de aí, apuntou María Barral, “que este ano tampouco nos queiramos esquecer da Feira Medieval e quixemos renderlle un pequeno tributo, un pequeno e humilde homenaxe á Feira e a cantas persoas participan ano tras ano nela. Aos voluntarios, ao persoal municipal e todos os seus visitantes. Para lembrala no centro de Betanzos, no atrio de Santo Domingo cunha exposición de fotografías nas que quixemos representar algúns dos momentos máis significativos do programa: a expulsión dos  leprosos, a entrada do Conde, o torneo medieval, a carreira de  bocois, as danzas, o  Aquelarre…. Unha exposición que se pode ver desde xa e por espazo dun mes”.