Betanzos renovará o sistema de funcionamento dos semáforos


Trátase dun proxecto que se incluíu no POS 2020 da Deputación e no que se investirán máis de 60.000 euros. Con esta actuación o goberno local busca renovar todos os equipos reguladores, que son antigos e que nos últimos anos ocasionaron numerosos problemas, especialmente coincidindo con alteracións meteorolóxicas.

O proxecto recolle a renovación da rede de semáforos no  cruzamento da avenida da Coruña (Instituto As Mariñas), de Castela-Concepción Arenal, Fraga Iribarne e Jesús García Naveira, do Centro Pai Menni, o cruzamento de García Naveira (gasolineira) e da praza García Naveira, da Ponte Vella, da Ponte Nova e de Saavedra Meneses.

Os semáforos pasarán a utilizar tecnoloxía actual, instalando tamén premedores onde está regulado o paso peonil e co pintado de báculos e renovación de pantallas.

Este proxecto completa outro que consistiu na mellora de 40 pasos peonís en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización.