O Concello de Betanzos pechou a compra dos equipos de conexión a internet para que os alumnos e as alumnas de primaria, secundaria e bacharelato poidan seguir a aprendizaxe a distancia durante o confinamento pola Covid-19 nas súas vivendas. Trátase de equipos encamiñadores de conexión de 4G e con suficiente capacidade de datos para “contribuír á mellora da comunicación de sectores máis desfavorecidos e con menos accesibilidade a Internet”. Os equipos foron adquiridos a unha empresa de telefonía local, á que tamén se lle pagará a cota mensual durante os próximos meses, e foron distribuídos por Protección Civil.
A alcaldesa, María Barral, explicou que “o Concello non pode permitir que o alumnado de Betanzos non poida seguir a aprendizaxe normal do curso escolar por carecer de conexión a internet. Trátase de familias con menos recursos que non poden afrontar o pagamento dunha conexión a internet nas que os seus fillos e fillas, por tanto, alumnado de centros educativos de Betanzos, non pode seguir o desenvolvemento normal do curso escolar”.