O estanque do Retiro do Pasatempo de Betanzos recuperará a súa varanda orixinal


Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, despois de manter unha reunión con representantes da familia do Pazo de Armuño, situado en Bergondo, en cuxa propiedade se localizaron restos da varanda orixinal do estanque e outros elementos, adquiridos pola familia sobre 1950.

A primeira edil destacou a disposición da familia e “a súa colaboración e  xenerosidade” á hora de permitir ao Concello, primeiro, utilizar o tramo de varanda orixinal que ten no pazo para “facer un molde e poder así reproducir a varanda que rodeaba o estanque co deseño orixinal”. Ademais, a familia doará diversas pezas desta propia varanda, que está en desuso no pazo, e outros elementos, para “que sexan repostos no estanque”.

A cesión dunha parte da varanda, unida á posibilidade de reproducir pezas da orixinal xa que non era posible doala ao formar parte do pazo suporá de forma paralela retirar  a “varanda instalada cando se reconstruíu o parque, de forxa e que non ten parecido coa orixinal”.