Betanzos | Sae a licitación o plan director do Pasatempo


A alcaldesa de Betanzos, María Barral, anunciou o seu agradecemento á Xunta durante a visita que realizou xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora  xeral de Patrimonio á igrexa de San Francisco na que se levaron a cabo obras de mellora da cuberta do templo.

Román Rodríguez salientou o “firme compromiso” da Administración autonómica co Parque do Pasatempo e co Concello de Betanzos. Un compromiso que, tal e como subliñou, “quedou xa demostrado co apoio técnico que fixemos para favorecer e facilitar a declaración como Ben de Interese Cultural”. “Agora damos un paso máis elaborando un documento no que se recolla a actual situación do parque e un proxecto específico para guiar cada unha das súas necesidades”.

A primeira edil explicou que o goberno local levaba tempo “esperando este anuncio” e que trasladou ao propio conselleiro “o noso agradecemento”. “Estamos ante o primeiro paso da Xunta  para incorporarse a unha actuación e un proxecto que sen dúbida pretende recuperar un dos símbolos de Galicia”.

María Barral tamén valorou os traballos efectuados na igrexa de San Francisco mediante a achega de fondos do Goberno central.