Biden ameaza a Putin con fortes sancións se Rusia ataca a Ucraína


O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, reiterou este martes ao seu homólogo ruso, Vladímir Putin, as ameazas de ”fortes medidas económicas e doutro tipo” se ataca Ucraína, como teme Washington, á vez que lle pediu rebaixar as tensións e retomar o camiño da diplomacia, segundo a Casa Branca.

Nunha videochamada, que durou máis de dúas horas, Biden trasladou a Putin “a profunda preocupación» que xera en Estados Unidos e os seus países aliados o crecente despregamento de forzas militares rusas na súa fronteira coa ex respública soviética. O Kremlin nega calquera plan de invasión e acusa a Washington de estar a axitar as tensións bélicas co aumento da actividade dos países da OTAN no Mar Negro e o desexo de Ucraína de unirse á alianza atlántica.

Tras a conversación os presidentes «encargaron aos seus equipos que dean seguimento» aos temas tratados, e Estados Unidos planea facelo «de forma coordinada cos seus aliados e socios», sobre todo en Europa.