O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, sinalou a Rusia como país de orixe do ciberataque contra o oleoduto Colonial, que esta semana provocou graves problemas na subministración de carburante en Estados Unidos. E aínda que descarta que o Goberno de Vladimir Putin estea implicado, pídelle que tome cartas no asunto. O ciberataque paralizou durante días o sistema de distribución de carburantes de Colonial, unha empresa que opera unha enorme rede de oleodutos e proporciona combustible ao 45 % da costa este de Estados Unidos. A escaseza de combustible e a consecuente subida de prezos provocou o caos nas gasolineiras de moitas cidades, ás que os condutores acudiron en masa para tratar de repostar. Colonial reanudou as súas operacións, pero pasarán días antes de que a situación volva á normalidade. O FBI afirma que detrás do ataque está Darkside, un grupo de piratas informáticos asentados en Rusia que empregan ransomware, un programa que bloquea o acceso á información ata que a empresa non paga un rescate.
41