Biden veta a importación de gas e petróleo ruso


O presidente estadounidense, Joe Biden, anunciou este martes que prohibe a importación de gas e petróleo ruso. Reino Unido, pola súa banda, reducirá gradualmente a importación de petróleo de Rusia ata deixar de comprar cru a Moscova a finais de 2022. Máis cauta está a ser a Unión Europea, que mira con inquietude as ameazas do Kremlin de cortar o gasoduto Nord Stream I, polo que circulou o 60 % do gas ruso cara ao Vello Continente nos dous últimos meses. Este martes, Bruxelas fixo público o seu plan para reducir dous terzos as importacións de gas ruso este ano para romper definitivamente a súa relación en 2030. Pola súa banda, a petroleira Shell, unha das máis importantes do mundo, sumouse a outros xigantes como BP e Exxon Mobil e anunciou que deixará de comprar petróleo ruso. A decisión chega despois de recibir duras críticas por unha compra de cru de Moscova. Deixa así soa á francesa TotalEnergies como unha das únicas grandes petroleiras en manter os seus investimentos en Rusia.