Bieito Lobeira (Seixo, Marín, 1968) levaba máis dunha década á fronte da área de Organización do BNG, unha responsabilidade que nos últimos tempos compartiu con Lucía López Sobrado e da que se despediu oficialmente o pasado mes de setembro. A Executiva da formación nacionalista decidiu reestruturar o traballo e Lobeira —que continuará tanto neste órgano como no Consello Nacional—, a petición propia, pasará a ocuparse das relacións con organizacións nacionalistas como a CIG, no terreo sindical; a Mesa pola Normalización, en materia de dereitos lingüísticos, ou Adega, a nivel ambiental.
Bieito Lobeira, que foi tamén deputado no Parlamento de Galicia entre 1996 e 2012, encara con optimismo as vindeiras eleccións galegas, aínda sen data pero que deberán convocarse, a moito tardar, nos primeiros meses de 2024. “Temos na man a posibilidade de facer historia neste país, a oportunidade de encabezar un Goberno nacionalista”, concluíu.