BM Porriño e BM Cangas revalidaron o título de campións da Supercopa Galicia de Balonmán

2 minutes read

O Conservas Orbe Rubensa BM Porriño superou ao Mecalia Atlético Guardés nun partido feminino marcado polas ausencias e polo cansazo acumulado no caso do conxunto da Guarda.

O Guardés viña de xogar dous amigables o venres e o sábado en León e iso, cun plantel diezmado polas baixas, foi decisivo, xa que Abel González non tiña apenas posibilidade de dar descanso ao seu sete inicial. O Porriño, tamén con ausencias, sen embargo estaba máis descansado e o aspecto físico foi decisivo. Iso si, o Porriño saíu ben e logrou abrir unha pequena brecha no marcador dende o inicio (1-4, min. 8), pero o Guardés, co impulso da súa afección na bancada remontou para igualar (7-7, min. 20). O tramo final desta primeira parte estivo igualado, pero a falta de oito segundos Micaela Casasola logrou ampliar a distancia a dous tantos (9-11).

O arranque da segunda metade foi decisiva, xa que o equipo de Ismael Martínez logrou irse de cinco tantos (15-20, min. 48) e xa o Guardés nin tiña posibilidades de resposta física e Abel González tirou da xuvenil Aroa Fernández e de Yaiza Alonso, que este ano terá ficha con Cañiza, filial do Guardés, para dar descansos ás súas xogadoras. Así, segundo título consecutivo para o conxunto do Porriño.

Conservas Orbe Rubensa BM Porriño._Xoel Gil.

Fantástica final masculina a vivida no Gatañal entre Frigoríficos do Morrazo e Cisne Colegio Los Sauces. Ambos conxuntos querían a Supercopa e iso veuse reflectido na intensidade que se viviu na pista de xogo. Nun final agónico, o Frigoríficos do Morrazo logrou o triunfo despois de facer unha boa remontada na segunda parte.

O partido foi un intercambio de golpes. Comezou o Cangas cun parcial de 3-0, pero enseguida remontou o Cisne para poñerse por diante e obrigar a Nacho Moyano a pedir tempo morto para frealos (6-8, min. 11). Así continuou o choque, co Cisne chegando a irse de tres antes do descanso (14-17, min. 24), pero o conxunto local, co apoio da Marea, recortou distancias para quedar a só un tanto no descanso (18-19).

A segunda metade comezou con moitos erros no pase en ambos conxuntos, pero cun Cisne más efectivo, o que lle permitir seguir por diante no marcador nos primeiros minutos (24-27, min. 42). Pero nos minutos finais, o conxunto local, co apoio da grada, comezou a remontada e chegaron aos cinco últimos minutos tres tantos arriba (33-30, min. 55). Pero tamén o final foi tolo e con moitos piques. O Cisne apertou ata o último suspiro, roubando o balón a falta dun segundo, pero sen tempo para lanzar. Frigoríficos do Morrazo, campión da Supercopa de Galicia por segundo ano consecutivo.