- Os nacionalistas pídenlle á Xunta que non demore máis unha infraestrutura imprescindible para Carballo
O BNG de Bergantiños tira de hemeroteca para contextualizar a realidade do proxecto da circunvalación do polígono de Bértoa. Os nacionalistas sinalan que «a circunvalación de Carballo non será unha realidade no 2022», xa que a redacción do proxecto aínda non está adxudicada, e será a partir da sinatura do contrato cando empecen a contar os 20 meses de prazo para elaboralo. Datas que non coinciden co expresado fai meses pola conselleira de Infraestructuras e Mobilidad, Ethel Vázquez, que nunha reunión cos empresarios do polígono de Bértoa sinalaba que a circunvalación podería ser unha realidade no ano 2022.
Desde o BNG de Bergantiños non contan co proxecto ata o 2023 e móstranse indignados co Partido Popular xa que «non se precisan dotes adiviñatorias para saber o que pasará ese ano, porque como se celebrarán eleccións municipais terán que volver a “vender” unha infraestrutura da que probablemente, e para desgracia de todos os carballeses e carballesas, aínda non haberá nin un só metro construído».
Para o BNG é urxente solucionar un problema de seguridade viaria e de comunicación «dun dos polígonos industriais máis activos de Galicia co sur do país, unha urxencia que, polo que se ve, non comparten nin o PP nin a Xunta de Galicia». Desde o grupo nacionalista sinalan que non van a «consentir que sigan demorando unha infraestrutura prioritaria e faltándolle ao respecto aos veciños e veciñas do noso concello».