O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, levou este xoves á Comisión 8ª Pesca e Marisqueo a crítica situación de inactividade total do sector marisqueiro en Camariñas, unha crise que cualificou de “desesperante” e “sen precedentes” pola falta de recursos, de solucións e de apoio por parte da Consellería do Mar.
Insua lembrou que os intentos de recuperación dos bancos marisqueiros “resultaron fallidos”, deixando ao colectivo nunha situación límite, sen ingresos e sen perspectivas de futuro. As mariscadoras, subliñou, “non recolleron nin cinco quilos durante todo o verán”, mentres noutros puntos próximos das rías existen capturas con normalidade. Insua preguntou directamente se as mariscadoras van ter algún ingreso do ISM neste Nadal. “Non pode ser que xoguen así co pan dunhas familias que só piden traballar”, afirmou.
Durante a súa intervención na comisión, o deputado nacionalista formulou diversas preguntas sobre: a elaboración dun plan de viabilidade para o marisqueo en Camariñas, a falta de axudas ás que poidan acollerse as mariscadoras pola imposibilidade de cumprir os requisitos de actividade ou a situación dos traballos encargados a SEAGA e a ausencia de información ao sector.
Porén, e malia o carácter urxente e crítico da problemática, a Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, non respondeu ningunha das cuestións expostas, nin achegou datos, explicacións ou compromisos, limitándose —segundo Insua— a intervencións “baleiras de contido” e “sen unha soa resposta concreta”.
Ante esta situación, e a falta total de claridade por parte da representante do Goberno galego, Óscar Insua renunciou a empregar o seu tempo de réplica, denunciando que “non hai nada que replicar cando a Xunta non ofrece nin unha soa resposta ao drama que vive Camariñas”.
O deputado do BNG denunciou tamén que a Consellería continúa a ocultar estudos e información que deberían ser públicos, impedindo que as mariscadoras coñezan as causas da alta mortalidade do recurso. Insua criticou as declaracións por parte da Consellería e denuncia que “coa situación do marisqueo que hai en Galiza como vai haber relevo xeracional”.
Insua exixiu ao Goberno galego medidas urxentes, un plan de actuación real e a publicación inmediata dos informes técnicos, advertindo que o marisqueo en Camariñas “está ao bordo da desaparición se a Xunta segue mirando para outro lado”.