BNG e PSdeG, veñen de asinar conxuntamente unha solicitude de comparecencia para que a conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, aclare ante a Deputación Permanente «como vai garantir a seguridade sanitaria nas aulas» no primeiro curso condicionado dende o seu inicio pola COVID-19.
Despois de que, malia ao rexeitamento de todos os sindicatos do sector, a Xunta seguise adiante co seu protocolo para adaptar as aulas á pandemia con medidas como fixar un metro entre estudantes pero non reducir a ratio de alumnado por clase no caso de que non haxa espazo dabondo, o Bloque ve «inadmisíbel» que «a Xunta pretenda facer como se estivésemos nunha situación normal».
«O protocolo da Xunta está elaborado con criterios economicistas por riba da seguridade», censura a deputada electa Olalla Rodil, quen censura que o Goberno do PP aborde o problema «dende a soberbia». Gobernos de distinto signo, subliña Rodil, «anunciaron que contratarán máis profesorado mentres o Goberno galego, por racanería ou porque non considera o ensino unha prioridade, non vai investir un só euro» adicional, lamenta a parlamentaria do BNG.