Daniel Pérez López e Rosana Pérez Fernández , deputado e deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), afirman que a actual situación de entrada ou saída de embarcacións da dársena supón un perigo constante para a integridade, non só das embarcacións, senón o que é moito peor, para a integridade física dos mariñeiros. Para mostra o accidente mortal do Silvosa en decembro de 2018 no que faleceu o seu patrón. “Nunha infraestrutura que data de 1955 e con comportas dende o 1969, Portos de Galicia informou en febreiro de 2021 de que o proxecto de mellora e seguridade se atopaba na súa fase final, pero dous anos despois descoñecemos en que fase se atopa ese proxecto“, afirman os nacionalistas, que conclúen prioritario garantir a seguridade de embarcacións e mariñeiros que operan no porto de Malpica.
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa dos seus deputados e da súa deputada, Martín Seco García, Patricia Otero Rodríguez e Julio Torrado Quintela, tamén presentaron unha preposición non de lei para o seu debate. Afirman que “as condicións de acceso actuais á dársena do porto de Malpica son de moito perigo, cunhas comportas que xeran unhas correntes que complican a circulación das embarcacións, con múltiples accidentes e danos tanto na dársena, como nas embarcacións e nos mariñeiros“. Nesa liña, o anterior grupo de goberno do concello de Malpica, encabezado polo socialista Walter Pardo e seguindo un proxecto que tiña a propia confraría de pescadores, pediulle á Xunta de Galicia que ampliase o dique de abrigo do porto.
O PSdeG insta á Xunta de Galicia a que “aposte polo futuro do porto de Malpica coa redacción do proxecto e posterior construción dunha ampliación do dique de abrigo, tal e como tiña analizada a confraría de pescadores, unha ampliación que aporte seguridade aos usuarios do porto e impulse unha actividade económica esencial para este concello“, conclúen.
A Xunta presentou as conclusións da toma de datos e estudos técnicos que buscan a mellora da operatividade na dársena interior de Malpica
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, presidiu a reunión entre o equipo técnico do ente público e a confraría de pescadores de Malpica para informar ao sector das circunstancias que enmarcan as actuacións neste porto e dos avances técnicos acadados ata o momento no proxecto de mellora da operatividade da dársena.
Durante o encontro, desde Portos de Galicia expúxose a necesidade de tomar datos de campo e os resultados dos estudos realizados ata o momento. Así, estes traballos revelan a exposición extrema da dársena, propiciando un efecto de resonancia que, como norma xeral, afecta con maior incidencia en portos doutras comunidades do Cantábrico que nas costas galegas. Os técnicos explicaron que a día de hoxe a enxeñería marítima e os medios dos que se dispón permiten avanzar na resposta a esta problemática tradicionalmente pouco coñecida e polo tanto pouco analizada e na que Portos de Galicia está a afondar con estudos pioneiros.
Neste sentido, a Xunta deu conta na reunión dos resultados da instrumentalización realizada no interior e no exterior do porto, datos necesarios para coñecer a propagación da onda longa e ondada e, en consecuencia, o comportamento e posibles solucións de cara a minorar os efectos da comporta da dársena interior.
Así, os estudos formulan diversas modificacións da configuración portuaria actual que se analizaron con detalle cos representantes da confraría coa fin de consensuar as liñas de actuación nas que Portos de Galicia traballa.
O obxectivo do ente público é buscar unha solución sostible, que responda na maior medida posible ás necesidades que se formulan para o porto de Malpica, procurando novas configuracións. Entre elas, analizáronse a ampliación do dique, a prolongación do actual martelo, a construción dun novo martelo ou modificacións da xeometría da dársena interior e implantación dunha comporta maior.
Durante a súa visita a Malpica, ademais de informar á confraría de pescadores, Susana Lenguas trasladou ao alcalde a evolución do proxecto de mellora para a dársena. Así, informou ao rexedor de que unha vez trasladadas ao sector estas liñas de traballo e coas súas aportacións, Portos de Galicia continuará avanzando cara a un estudo de alternativas técnicas que permitirá optar pola proposta máis beneficioso.