Ambos coinciden en instar a Xunta a exercer as súas competencias en materia educativa e garantir a seguridade nas aulas de cara ao principio do curso que vén, nun contexto de pandemia sanitaria pola Covid-19.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a Xunta a deixar as «cortinas de fume» e as «medidas cosméticas» para adoptar decisións «reais e eficaces» para garantir a seguridade nas aulas de cara ao inicio do curso escolar.
Na súa intervención, Pontón criticou que se anunciase como «unha medida extraordinaria» para facer fronte á Covid-19 a contratación de 240 profesores xa que é algo que, segundo indicou, se «viña facendo de forma habitual» en todos os inicios do curso.
Pola súa banda, o vicesecretario xeral do PSdeG e viceportavoz parlamentario, Pablo Arangüena, lembrou que a Xunta ten as «competencias» en materia educativa e lamentou que «non estea á altura do que ten que facer unha autonomía con plenas competencias en educación».