O principio de acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez prevé que «antes do final da lexislatura» Galicia conte cun servizo de tren de proximidade, como mínimo nas áreas da Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.
Segundo aclarou a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, e á espera de que se concreten os detalles no futuro documento a asinar, o Bloque dixo ter conseguido o «compromiso» de «acabar coa anomalía de que Galicia non teña tren de proximidade» e de que este será unha realidade nas dúas áreas máis poboadas do país antes de que finalice a lexislatura e, xa que logo, antes do verán de 2027 como moi tarde. De acordo «excepcional», cualificouno o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que lembrou que, malia que loxicamente terán que facerse «os estudos operativos previos», o «fundamental» é que hai «un prazo de tres ou catro anos para que, logo de tantos anos» Galicia conte cun servizo de tren de proximidade.
Ademais, o BNG dixo ter garantido «un trato igualitario na condonación da débeda», polo que «calquera compensación ás comunidades en relación ao FLA» (Fondo de Liquidez Autonómica) ten que supoñer «unha compensación análoga a Galicia». “Non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do FLA e deixar fora a Galiza e iso foi o que logrou o BNG”, asegurou Pontón.
Tendo en conta o acordado entre o PSOE e ERC para a condonación dun 20% da débeda de Catalunya co Estado, a cifra elevaríase a arredor dos 550 millóns perdoados a Galicia, aínda que os representantes do BNG non concretaron cifras. Si advertiron que a súa formación «consegue que o noso país non saia discriminado, mentres o PP teima en rexeitar unhas medidas que son moi positivas para as comunidades e para Galicia», dixo Rego.
Ademais, as persoas que usen acotío a AP-9 e realicen 20 viaxes ao mes, independentemente de onde inicien ou conclúan, tamén terán un 50% de bonificación. Os descontos tamén se aplicarán para a AP-53, que une Santiago con Ourense pero cuxa peaxe se acumula só no primeiro tramo ata Lalín, polo que supón eliminar un «desequilibrio» e mellorar a «mobilidade» interior e a «seguridade», en palabras de Carme da Silva. Pasaríase, segundo os cálculos do BNG, dos 12,80 euros actuais a arredor de tres, un desconto do 75%.