O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes, 13 de maio, unha proposición non de lei que busca deixar sen efecto o actual proxecto de prolongación da autovía A-52 entre O Porriño e Vigo, por consideralo innecesario, altamente lesivo para o territorio e socialmente rexeitado. No seu lugar, a formación nacionalista reclama a liberalización das peaxes da AP-9 e unha aposta decidida pola mellora da A-55 como solución realista, eficiente e sustentábel, aos problemas de mobilidade e seguridade na área metropolitana de Vigo.
O BNG alerta de que o proxecto impulsado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel implica un forte impacto ambiental, territorial e social, especialmente nos municipios de Mos —nas parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga—, en Vigo —na parroquia de Bembrive— e no Porriño. A infraestrutura proxectada contempla un túnel de 4 quilómetros e un viaduto de grandes dimensións, ademais de múltiples expropiacións, afectando vivendas, terreos e o benestar da veciñanza.
«A alternativa escollida polo Ministerio é un despropósito pois non resolve os problemas actuais de mobilidade, duplica unha infraestrutura xa existente e causa unha grave afección ambiental e social. Hai opcións mellores, máis baratas e máis respectuosas coa veciñanza» asegura Néstor Rego.