BNG | Pensar Galiza un encontro co talento e a aposta polo I+D+i

Cedida.

Persoas con longas traxectorias mesmo en máximos cargos de goberno da Universidade, representantes de colectivos que inician as súas carreiras investigadoras e membros de centros de innovación participaron este sábado na primeira das mesas Pensar Galiza destinada a achegar propostas encamiñadas a construír un país novo que ten no ámbito do I+D+i un dos seus eixos de investigación.

Olaia Rodil adianta que o BNG defenderá o I+D+i como estratéxico para o desenvolvemento do país e para unha Galiza moderna e con futuro que deixe atrás a década negra de Feijóo.

O primeiro dos encontros contou coa coordinación do profesor da Universidade de Vigo, do que foi reitor, Salustiano Mato afirma que só a falta de vontade política impide poñer fin á precariedade laboral e á fuxida do capital humano da investigación.

As persoas participantes, desde as súas particulares experiencias e traxectorias, denunciaron o abandono que padece quen se dedica á investigación, a falta de orzamentos e a precariedade e inestabilidade laboral de boa parte do colectivo.

Apuntaron a necesidade de “darlle á ciencia o valor que ten para a sociedade e para a mellora de vida das persoas” e lamentaron a caída en picado que padeceron os investimentos nos orzamentos galegos que supoñen, segundo puxeron sobre a mesa, a metade, en porcentaxe de PIB, que destina o País Vasco ou a terceira parte da media europea.