BNG Vigo | ‘Non permitiremos que a Deputación volva aos tempos do Louzanato’

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha moción de urxencia para a vindeira sesión plenaria do Concello de Vigo, que se celebrará este luns, para rexeitar a exclusión de catro relatoras do proxecto «Aquí faltan páxinas» por represión política e ideolóxica.

O pasado martes, cando pasaran só 48 horas das eleccións galegas do domingo, a Deputación de Pontevedra decidía excluír a catro relatoras do proxecto «Aquí faltan páxinas». Un veto que chegou despois de que no mes de decembro a empresa que xestiona o proxecto contactase con elas para incorporalas nesta nova edición.

As persoas excluídas son a escritora e xornalista, referente na memoria histórica, Montse Fajardo; a escritora, Mercedes Queixas; a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas; e a profesora, Chus López Escudeiro. Persoas que contan cunha acreditada traxectoria nos ámbitos do feminismo e a memoria, que teñen como único denominador común teren participado ou apoiado publicamente ás candidaturas do BNG ás eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.

Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, «trátase, de maneira evidente, dunha represalia política expresión do máis antidemocrático sectarismo, que colida de xeito flagrante co exercicio de dereitos fundamentais e liberdades democráticas como son a liberdade de pensamento, de expresión e o dereito á participación política». Un comportamento que reproduce, segundo sinalou, «o mesmo modus operandi excluínte que están a aplicar tamén na CRTVG» na que se vén de prescindir das colaboración do divulgador Rogelio Santos Queiruga tras cuestionar a xestión da Xunta na crise dos pellets e explicitar o seu apoio á candidatura liderada por Ana Pontón.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha